Música de Ugía Pedreira e A Banda da Loba para celebrar o Día de Rosalía en Pontevedra
Por Redacción
O Día de Rosalía en Pontevedra virá a golpe de música e literatura reivindicativa. O Sexto Edificio do Museo acollerá o domingo 24 de febreiro, ás doce da mañá, os actos que organiza o Concello para conmemorar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.
Será cun acto que ten como lema Cantare, galegas!. O fío condutor será o manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que escribiu a xornalista e poeta Ana Romaní.
No texto invócase o compromiso social da obra rosaliana, a denuncia das inxustizas, a identificación co idioma e con Galiza, a defensa das clases populares e a loita contra o machismo. E nesta liña reivindicativa, trae a actualidade os textos de Rosalía para combater as discriminacións e a violencia que sofren as mulleres.
O evento contará tamén coa música da cantautora Ugia Pedreira, que fará unha performance titulada Rosalía, o ramallo da Pedreira a partir de textos rosalianos, e do grupo musical A Banda da Loba, integrado por cinco mulleres que apostan por un repertorio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de mulleres poetas célebres.
Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop ou do folk e que fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical.
Relacionadas:
-
Homenaxe á Rosalía que rompeu moldes no aniversario do seu nacemento
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Reivindicación da Rosalía de Castro máis universal e feminista
Por Victoria Regueira & Redacción |
-
Un libro de poesía e unha camelia para lembrar os agasallos culturais que deixou Rosalía de Castro
Por Redacción |