Unha veciña de Ponte Caldelas descobre un colgante da época medieval
Por Olaya Madrigal
Unha veciña de Ponte Caldelas atopou, durante un paseo polo Castelo Grande, tamén coñecido como Castelo de Caldevergazo, un colgante de arnés de cabalería da época medieval. Maica Juncal paseaba pola zona dos incendios forestais de outubro de 2017, que despexaron un xacemento arqueolóxico que, ata o de agora, nunca foi obxecto dunha escavación.
A veciña entregou a peza ao Concello, dende onde se puxo a disposición da Escola de Restauración de Bens Culturais de Galicia, de cara á súa doazón ao Museo de Pontevedra, que se producirá nos próximos días. O descubrimento tamén se lle comunicou ás autoridades en materia de Patrimonio da Administración galega.
De momento, atopáronse en Galicia 5 colgantes deste tipo: un en Ourense, outro en Cotobade e dous en Lugo, dos cales o caldelán é o mellor conservado.
Trátase dun adorno elaborado en bronce, con baño dourado e rematado con esmalte en varias cores. Está composto por un cabaleiro armado cun escudo heráldico e unha espada e adornado cun emplumado que podería exemplificar o seu valor na batalla.
Despois de ter estudado a peza, a directora da Escola de Restauración, Carmen Lorenzo, lamentou a falta de exploración e interese no xacemento do antigo Castelo de Caldevergazo e animou á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia a emprender unha investigación arqueolóxica en profundidade, segundo a información facilitada polo Concello de Ponte Caldelas.
Relacionadas:
-
A Xunta entrega tractores para a prevención de incendios forestais
Por Oskar Viéitez |
-
A exposición 'Galaicos, un pobo entre dous mundos', guía arqueolóxica e visual da provincia
Por Noticia patrocinada |
-
O patrimonio arqueolóxico da provincia faise un oco nos mellores museos do país
Por Redacción |