Cubo, Mystic Man, Pjazz, Mr Wah, Vil Llar e Lumberjack integran Cubo Metálico. Son todos da provincia de Pontevedra, salvo Cubo, que vén doutra galaxia, 'Galifankia' e é quen se fixo coas vontades do resto para que fagan música. Contan nas Conversas na Ferrería como foi ese momento iniciático. Esa presenza extraterrestre fai que durante os concertos do grupo exerza de animador e provocador entre o público; así que quen se achegue este venres 22 á Sala Karma, non vai acudir a un concerto ao uso.
E que música fai Cubo Metálico? Fan funk mesturado con outros sons: hip- hop, rock, metal, música alternativa. É resultado da confluencia de estilos dos integrantes da formación musical e que anteriormente tomaran parte noutros grupos como Conjuro Chamán.
O EP leva o mesmo nome 'Cubo Metálico'. Seis temas que gravaron en directo, nunha única toma, nos Estudos Mafia de Carballiño xunto a Óscar Fernández. O de Pontevedra será o seu primeiro show, xa teñen pechado algún máis e poñen a vista nos festivais para deixar igualmente a súa pegada ao aire libre.
Durante esta charla en PontevedraVIva Radio, Cubo tamén intervén e aínda que en principio custe entenderlle, ten a súa tradución; así que escoita o podcast ata o final.