'Aguratrat', a adaptación teatral dun libro de Roald Dahl, vindeira función de Domingos do Principal
Por Olaya Madrigal
'Aguratrat' é a adaptación teatral de 'Esio Trot', un libro do emblemático autor de literatura infantil Roald Dahl, que conta ás súas costas con títulos do calibre de 'Charlie e a fábrica de chocolate', 'Matilda' ou 'Mr.Fox'. Nesta historia resaltan dous aspectos: o amor entre persoas maiores e o amor polos animais, que serán tratados con delicadeza e humor, e que a converten nunha moi boa aposta para un público familiar.
Producida pola Cía. Pérez&Fernández, 'Aguratrat' ten como argumento o amor secreto do Señor Hoppy, un home maior e moi tímido, que vive só no seu apartamento, pola súa veciña, a Señora Silver. A maior preocupación da Señora Silver é a súa tartaruga, Alfie, que a pesar do paso dos anos, apenas creceu. Unha mañá a Sra. Silver confésalle ao Sr. Hoppy o seu desexo de facer que Alfie creza e se converta nunha tartaruga máis grande. É aí onde o Señor Hoppy ve a oportunidade de concederlle o desexo e gañarse o seu afecto. Poñerá en marcha un plan no que irá intercambiando, día a día, á tartaruga por outra cada vez máis grande, mentres a Sra. Silver lle recita cada día unhas palabras máxicas (inventadas por el) para que creza. O resto da historia é mellor vela que contala.
As sesións terán lugar este domingo 17 de febreiro en dous pases, ás 12.00 e ás 18.30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra. De acordo coa ideoloxía da compañía en favor das boas causas, o dez por cento dos beneficios irán á fundación benéfica Roal Dahl, cuxas achegas se dirixen principalmente a causas relacionadas co benestar dos nenos.
Relacionadas:
-
Aqueles escolares que pasaron a ser adultos a través de 20 anos de teatro nos Domingos do Principal
Por Victoria Regueira & Anxo Lourido |
-
A "tartaruga" enche de público o Teatro Principal
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Sombras e piratas para encandear o público de Domingos do Principal
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O teatro de sombras chega a Domingos do Principal cunha innovadora historia de piratas
Por Redacción |
-
A viaxe de Ulises pasa por Pontevedra para entreter a grandes e maiores
Por Redacción & Diego Torrado |