O festival Revenidas confirma as cinco primeiras bandas para a súa edición de 2019
Por Redacción
Xa está en marcha a décimo sexta edición do festival Revenidas, que se celebrará un ano máis no porto mariñeiro de Vilaxóan, en Vilagarcía de Arousa. Este encontro multicultural será nesta ocasión os días 9, 10 e 11 de agosto.
Os seus organizadores veñen de anunciar as cinco primeiras bandas que actuarán nel: o punk do cuarteto sueco The Baboon Show, El Niño de la Hipoteca en formato eléctrico acompañado de Los Ratones, o poder feminista e reivindicativo de Flow do Toxo, o potente punk e hardcore de Desakato e a cumbia e o reggaeton tropical de Los Jinetes del Trópico.
A organización do festival está actualmente artellando unha programación cun potente contido cultural galego que abrangue diversas disciplinas e sempre vencellado ás tradicións.
Ademais, o coñecido como Festival das Linguas aposta por unha combinación de espazos de balde para o lecer de familias e de todos os públicos, cunha programación musical que incluirá máis importantes bandas internacionais, estatais e galegas, que se desvelará durante os próximos meses.
O modelo de combinar actividades de balde para público familiar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continuará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra.
Tras esgotar a súa promoción inicial de lanzamento en 15 minutos, os interesados en asistir ao Revenidas 2019 poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 29 euros a través da páxina web www.revenidas.com.