Amarante organiza un concerto solidario coas vítimas das fábricas téxtiles de Bangladesh
Por Redacción
Amarante Setem que coordina a campaña Roupa Limpa en Galicia organiza unha minixira de concertos solidarios, que inicia este xoves en Pontevedra, "para que non se esquenzan" as derradeiras traxedias en Bangladesh, onde o derrubamento da Rana Praza hai un mes e o incendio de Tazreen, ocasionaron a morte dun total de 1.239 persoas e reclamar ás principais marcas de roupa que paguen indemnizacións ás vítimas desta traxedia.
A organización contará coa solidariedade e apoio dos cantautores Xoán Curiel e Joseba Gotzón, que estarán nesta xira solidaria na que tocarán nun repertorio conxunto este xoves 6 de xuño no Pequeño Karma de Pontevedra a partir das dez da noite.
Xoán Curiel está a presentar na actualidade o seu segundo traballo discográfico Magnético Zen, que vén de ser selecionado para mellor album en galego nos Premios da Música Independente 2013. Ten participado en diversos festivais da lusofonía como CoraSons, Estou La, Cantos na Maré ou Cores do Atlántico e na súa traxectoria artística destaca a súa versatilidade, participando coma actor, músico, director, cantante ou bailarín en diversos proxectos vinculados á música, o teatro, o teatro infantil e a danza.
Pola súa banda, Joseba Gotzón, con catorce discos editados e moitas publicacións escritas, é un dos cantautores vascos que máis ten percorrido o mundo coa súa música. Dende o ano 1984, no que grava o seu primeiro single, ten presentado o seu traballo por multitude de países. Na actualidade presenta o disco en directo Marrodan Kantazten, xunto con outras personalidades da música vasca e catalana como Niko Etxart, Gontzal Mendibil, Josep Tero, e na actualidade co cantautor galego Xoán Curiel.
Estes concertos englóbanse dentro dunha serie de accións que se están a desenvolver en toda Europa dentro da Rede Roupa Limpa, unha rede internacional de ONGs, sindicatos e organizacións de consumidores que traballa dende hai 25 anos por mellorar as condicións laborais na industria do téxtil e que en Galicia é coordinada por Amarante Setem.
Nesta xira solidaria, que pretende contribuír á difusión da campaña, proxectarase un vídeo coas voces das organizacións e traballadoras de Bangladesh na que piden o apoio internacional para mellorar as súas condicións laborais e de vida e pediremos que a xente asine para reclamar as indemnizacións e donativos de apoio aos traballadores feridos e aos familiares das vítimas mortais en Rana Plaza e Tazreen.