O Concello de Poio promove a creación literaria en galego co concurso Xaime Illa
Por Redacción
Un ano máis o Concello de Poio, xunto coa SCD Raxó e coa colaboración do Consello Municipal de Cultura convocan o XXVII Concurso Literario Xaime Illa Couto. Este certame que xa forma parte da tradición cultural deste municipio promove a creación literaria en lingua galega entre participantes a partir de 6 anos.
Xa está aberto o prazo para presentación dos traballos que serán individuais e inéditos, de temática libre e escritos en lingua galega nas categorías de poesía e relato curto ou conto. A presentación destes traballos poderase formalizar no Rexistro Municipal do Concello de Poio, en calquera dos Centros Educativos Municipais (CEIP) ou nos locais das asociacións colaboradoras e membros do Consello Municipal da Cultura ata o mércores 20 de marzo ás 14:00 horas. As bases xa están dispoñibles na web municipal e nas redes sociais oficiais do Concello de Poio.
O mércores 10 de abril o xurado fallará os premios, de 90 a 300 euros de contía dependendo da categoría, e que serán entregados xunto co seu diploma no transcurso do acto do Día das Letras Galegas - este ano adicado á figura do historiador, escritor e etnógrafo galeguista Antón Fraguas - que se celebrará o día 17 de maio no Salón de Actos do Centro Cultural Xaime Illa.