A Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario do 17 de maio en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Cerdedo-Cotobade será o vindeiro 17 de maio sede do pleno extraordinario co que a Real Academia Galega (RAG) conmemorará o Día das Letras Galegas dedicado ao seu veciño Antonio Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999). Co propósito de ir perfilando os detalles da celebración, a executiva da RAG recibiu a visita do alcalde, Jorge Cubela, quen tras o encontro asinou no libro de honra da institución.
Na xuntanza acordouse tamén que a presentación da nova edición do proxecto web da RAG Primavera das Letras terá lugar o 28 de febreiro en Cotobade, da man da súa comunidade educativa. Primavera das Letras fornece o alumnado de infantil e primaria de recursos lúdicos e didácticos sobre a figura homenaxeada cada 17 de maio, nesta ocasión Antonio Fraguas.
A Real Academia Galega xa publicou en academia.gal, unha completa biografía de Antonio Fraguas, escrita polo académico Clodio González. O espazo seguirá a se alimentar ao longo deste ano con imaxes, documentos, novas, reportaxes e entrevistas arredor dun home que desde mozo desenvolveu un importante traballo "desinteresado, silandeiro e constante a prol da nosa cultura, sen nunca agardar nada a cambio", salienta o biógrafo.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, inaugurou ademais o ano na sección "Tribuna" cun artigo no que, alén da súa crónica vital "construída desde a coherencia e a lealdade ao seu país", destaca a utilidade pedagóxica da figura de Antonio Fraguas. "Abre para todos nós a explicación profunda da nosa identidade: o tesouro inmenso da cultura popular", conclúe.
Relacionadas:
-
Os escolares de Cotobade inician a Primavera das Letras de Antonio Fraguas
Por Redacción |
-
Amplo programa de actividades para resaltar a figura de Antón Fraguas, homenaxeado nas Letras Galegas 2019
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade inicia as homenaxes a Antón Fraguas polas Letras Galegas
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade homenaxea a Antonio Fraguas na súa casa natal
Por Redacción |
-
Galaxia reeditará unha obra musical de Antón Fraguas para o Día das Letras Galegas 2019
Por Redacción |