O Café Moderno amosa a arte de Urza para invitar a unha reflexión sobre a enfermidade mental
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A saúde mental é a principal protagonista das xornadas que se desenvolven no Café Moderno. E un dos principais reclamos para asistir a esta programación atópase na exposición do artista plástico Urza.
Desde o venres 25 ata o 8 de febreiro, este espazo pertencen a Afundación acolle traballos do creador madrileño Javier Meléndez Ortega, coñecido artisticamente como Urza, que asistiu á inauguración.
Baixo o título 'Fóra todo o estraño. A saúde mental na sociedade actual', Taller Abierto, organizador das diversas actividades, establece un programa en que se busca facer visible a situación das persoas con diversidade psíquica, normalizar a integración na vida pública e liberar a estas persoas dos estigmas sociais. Un dos puntos onde se centra esta proposta é no risco de exclusión social a través das seguintes charlas:
Este martes 29 de xaneiro, o psiquiatra Ramón Area analizará o panorama actual da saúde mental.
O 30 de xaneiro, Alcira Cibeiro e Antón Casais, psiquiatras, ofrecerán a súa visión sobre a relación entre a arte e a saúde mental tomando as súas experiencias como base da súa análise.
O 5 de febreiro, a facultativa especialista de área no Centro de Saúde Mental Taboada Leal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Julia Fraga, ofrecerá unha análise sobre a enfermidade mental e a muller.
O 6 de febreiro, Manuel Arrojo, facultativo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago tratará sobre a exclusión social.
Todas as intervencións serán a partir das 19.00 horas no Café Moderno. Colaboran con esta iniciativa a concellería de Benestar Social e Afundación.