'A ópera de a patacón', de Roberto Vidal Bolaño, chega ao Teatro Principal da man de Avelaíña Teatro
Por Redacción
O Teatro Principal de Pontevedra acollerá este xoves a representación da dramaturxia de Roberto Vidal-Bolaño 'A ópera de a patacón' a cargo do grupo Avelaíña Teatro. Será a partir das 20.30 horas e o prezo da entrada é de 3 euros.
'A Ópera de a patacón' é unha obra de Roberto Vidal-Bolaño en base a textos de Bertold Brecht. Na súa versión de Avelaíña Teatro estará dirixida por Paloma Saavedra e terá música en directo de Mercedes Moreno Sande.
Trátase da cuarta montaxe do grupo de teatro amador pontevedrés e tomará a forma de relato meta-teatral. Segundo explican desde Avelaíña, suporá un manual musicalizado de como aproveitarse da miseria e piedade humana.
A obra está ambientada en Londres e pon en escena unha vila onde políticos, comerciantes, mafiosos e mendigos pretenden o poder, todo cun marcado peso musical.
Entre cantiga e cantiga, presentadas por Amparo Urtaza e Miguel Martín Otero, o espectador será testemuña do periplo dun maleante de moita sona: Mackie, o Navallas (interpretado nesta peza por Xavier Viz). Axudado pola mafiosa familia Peachum (José Antonio González e Rita Rivas), aliado coa policía (Xulio Leal) e cos proletarios (Pepi Amoedo e Antón Lamapereira), ascenderá a héroe popular.
O público tamén presenciará os seus amoríos con Jenny, a madame dos lupanares (Menchu González), as falcatruadas coa inxenua de Polly Peachum (Rita Bugallo) e as liortas coa miserenta Mary Taylor (Lucía Cota) e co soldado George Franhovery Junior (Manuel Ayán).
Este venres ás 21.00 horas con entrada libre ata completar as butacas, a Aula de Teatro do CIM de Pontevedra representará no Teatro Principal dúas pezas teatrais: 'O Atraco' e 'O Convento'.
Relacionadas:
-
Xulio Leal, de Avelaíña Teatro, mellor interpretación masculina no III Certame de Teatro de Lourenzá
Por Redacción |
-
Avelaíña Teatro impulsa en Mourente unha nova edición do seu ciclo de teatro afeccionado
Por Redacción |
-
O teatro afeccionado volverá espallarse durante todo o ano por Poio
Por Redacción |