Fernando Salgado presenta en Pontevedra a súa terceira novela '1306/36', na que rescata a historia de Pancho Varela
Por Redacción
O escritor e xornalista de Diario de Pontevedra Fernando Salgado presentará este xoves 24 de xaneiro na Casa das Campás o seu terceiro libro, 1306/36, que leva editado xa varios meses e se presentou en localidades de toda a provincia, pero aínda non chegara á cidade do Lérez.
A publicación aborda a historia de seu avó, Pancho Varela (Cerdedo 1898), activista político durante a Segunda República que acabou fusilado en Pontevedra o día 27 de xullo do ano 1937 despois de estar preso na Escuela Normal de Pontevedra (que ocupaba edificio onde se atopa a Delegación de Educación da Xunta e no que estudiara a súa carreira de Maxisterio) e na illa de San Simón.
A presentación está prevista para as 20.00 horas na Casa das Campás e contará coa participación do propio autor, do historiador pontevedrés Pepe Álvarez e do tamén xornalista de Diario de Pontevedra Ramón Rozas.
1306/36 conta a historia de Pancho Varela desde que é nomeado secretario do Concello e xuíz municipal cando as candidaturas de esquerdas acadaron once das trece actas nas eleccións municipais celebradas o ano 1931.
Como xornalista en dous xornais –El Pueblo Gallego e El País– o político e xornalista reivindicou melloras sociais e denunciou inxustizas e fixo fronte ás forzas reaccionarias que se levantaron contra a Democracia e contra a República co respaldo da Igrexa. Tras o golpe de estado franquista, foi nomeado delegado do Goberno en Cerdedo e esixiu á Garda Civil que se puxera a carón da legalidade vixente. Finalmente, acabou fuxindo ao Monte do Seixo, e despois a Monleras (Salamanca) -tras unha escala no Carballiño-, onde foi detido.
Relacionadas:
-
Fernando Salgado presenta '¿Qué miras?' en Cuntis con Susi Maquieira, protagonista do libro
Por Redacción |
-
O Día da Galiza Mártir volve sacar á luz a simboloxía fascista de 35 inmobles e unha rúa de Cerdedo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O xornalista Fernando Salgado presenta en Marín o seu novo libro: 'El humo del diablo'
Por Redacción |
-
A historia de Europa narrada dende Vilagarcía: 'Elefantes y hormigas'
Por Anxo Lourido |