Día da Muiñeira: A arte do tacón, punta, tacón
Por Oskar Viéitez
Pequenos, grandes e maiores viviron, bailaron e lanzaron aturuxos no Día da Muiñeira.
A avenida de Montero Ríos vibrou ao compás do 6/8 e o ritmo de gaitas, pandeiretas, tambores, pandeiros, bombos e algunhas cunchas de vieiras nunha cita clásica en portas de cada verán na cidade de Pontevedra como acreditan as 42 edicións que se cumpren neste ano.
O tradicional evento organizado pola asociación Duos Pontes e que conta co apoio de Concello, Deputación e Xunta de Galicia constitúe a homenaxe máis multitudinaria que se brinda á alegre muiñeira.
Tacón, punta, tacón, ata os máis sosos probaron sorte cos brazos no alto. Daba igual non vestir un dos fermosos traxes tradicionais que luciron algunhas das invitadas: dengues, refaixos, blusas, corpiños e xoiería dos mellores artesáns.
As muiñeiras elixidas para interpretar foron Mariñán, os menores de 8 anos; a de Aldán para os de 8 a 13 anos e os maiores, a de Fózara.
E para este sábado 1 de xuño, un grupo de palilleiras porán a guinda ao Día da Muiñeira cunha demostración do seu traballo na praza da Peregrina, a partir das 11.30 horas mentres actuan os alumnos das escolas de baile e pandeireta da Asociación Duos Pontes.