Domingos do Principal viste de 'rojo estándar' para subir o pano dunha nova edición
Por Redacción
Xa está aquí unha nova edición de Domingos do Principal, o ciclo de teatro e artes escénicas que Pontevedra dedica ao público familiar. Comezará este domingo coa representación do espectáculo de circo Rojo estándar, da compañía andaluza Lanördika.
Como é habitual, a obra será representada en sesión dobre, ás 12.00 e ás 18.30 horas, no Teatro Principal.
Rojo estándar, gañadora do Premio Fetén 2018 ao mellor espectáculo de rúa, será a primeira das seis propostas que inclúen danza, circo, teatro de actor, de sombras ou de máscaras e que representan o mellor da península en artes escénicas para público familiar.
É unha obra recomendada para público a partir de tres anos, totalmente circular, exposta para que o espectador se sitúe a 360 graos e, a través do movemento, viaxe polas emocións dos protagonistas.
Nela, dous seres opostos atópanse nunha escena bañada polo surrealismo, onde as cores marcan o seu ritmo, e na que o amor, guiado polo circo e a danza, é peza crave durante todo o espectáculo.
As entradas para este e outros espectáculos están á venda en Ataquilla.com e de non esgotarse, dúas horas antes do inicio de cada un deles. O prezo é de 4 euros por localidade.
Relacionadas:
-
O desaparecido Pavillón Lino da Coruña rexorde nos Domingos do Principal
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Unha viaxe en 360 graos para inaugurar Domingos do Principal 2019
Por Redacción & Diego Torrado |
-
20 aniversario de Domingos do Principal co propósito de seguir emocionando a nenos de 3 a 90 anos
Por Anxo Lourido |