Leo Bassi trae a Pontevedra o seu novo espectáculo, "El último bufón"
Por Alejandro Espiño
O cómico italiano Leo Bassi volve a Pontevedra. Será o próximo sábado 9 de febreiro, ás 21.00 horas. O Teatro Principal acollerá a representación do seu novo espectáculo, El último bufón.
En El último bufón, Leo Bassi repasa os seus 40 anos de traxectoria teatral a través dun descubrimento realizado pola súa irmá, Joanna, no arquivo da Fundación Lumière en Lyon.
En maio de 1896, os irmáns Lumière filmaran ao seu bisavó Giuseppe e ao seu tío Giorgio cando ambos traballaban no Circo Rancy. Son gravacións moi valiosas, probablemente as primeiras imaxes en movemento de pallasos da historia, que nos remontan a un tempo e unha era na que Europa aínda tiña toda a súa inocencia e o desexo de vivir.
A partir destas películas, Bassi pon en escena un espectáculo intenso pero ao mesmo tempo tremendamente divertido e rompedor no que analiza o "paraíso perdido" do mundo dos bufóns.
Durante 170 anos, a familia actuou ininterrompidamente creando números e momentos que xa son clásicos do mundo do humor e do bufón que agora podemos ver na súa esencia.
As entradas para este espectáculo, a partir de dez euros, están a venda de maneira anticipada en Ataquilla.com e na Casa da Luz.