La Pegatina e La Maravillosa Orquesta del Alcohol, ao SonRías Baixas de Bueu
Por Alejandro Espiño
Dúas das bandas máis destacadas da escena musical alternativa, La Pegatina e La Maravillosa Orquesta del Alcohol (La M.O.D.A.) estarán no próximo SonRías Baixas. Xunto a elas, a organización do festival que se celebrará en Bueu os días 1, 2 e 3 de agosto confirmou que tamén actuarán Muyayo Rif e o grupo Periferia Norte.
Súmanse así ás bandas xa confirmadas anteriormente, a mítica banda vasca Zea Mays e o valencianos Zoo.
A deste ano será a cuarta vez que La Pegatina visitará Bueu. Os cataláns son xa parte da familia do festival que os trouxo a Galicia por primeira vez, alá polo 2007, e prometen encher o recinto de concertos coa festa máis grande, nova e enerxética do ano.
Merengue, reggae, rumba, ska, punk xitano… A esencia de La Pegatina mantense, pero o grupo ábrese agora a novos horizontes sonoros, sempre alternativo, e xoga co country, o folk, rock, cos ritmos latinos ou africanos e cos aires balcánicos.
Tamén La M.O.D.A., a marabillosa orquestra do folk, o blues, o country e o rock, ofrecerá unha entrega total sobre o escenario, encaixando sonoridades e instrumentos diversos que envolven unhas letras repletas de reivindicación e de inconformismo, co resto e cun mesmo.
Pola súa banda, os Muyayo Rif chegarán tamén a Bueu con moitas ganas de facer bailar ao público e co seu magnético sentido do humor intacto, pero sen perder de vista o carácter social e reivindicativo das súas letras. Á enerxía e o groove marca da casa, engádenlle agora novos sons, como o electroswing ou o balkan.
Completan este segundo avance do SonRías Baixas o trap, o dancehall, o R&B e os ritmos latinos con aroma a parking de arrabalde da novísimos Periferia norte, capitaneados pola poderosa JazzWoman, que acaban de ser galardoados como o mellor grupo de música en valenciano.
As entradas para o festival, cuxo cartel se completará ao longo das próximas semanas, están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 31 euros máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.
Relacionadas:
-
Sés, Iseo & Dodosound e Hakuna Tanaka, tres poderosas voces femininas para o SonRías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
Nao, Boikot e Dakidarría tamén estarán en agosto no SonRías Baixas de Bueu
Por Redacción |
-
O SonRías Baixas 2019 arranca con Zea Mays e Zoo como primeiras confirmacións
Por Redacción |
-
RADIO.- A playlist de... Jordi Lauren, de profesión, inquieto
Por Marisa Ciordia |