Heroes e heroínas, protagonistas do novo ciclo de cine do campus de Pontevedra
Por Redacción
Catorce proxeccións e tres relatorios integran "Ante o tempo", o novo ciclo de cine do campus universitario de Pontevedra, que esta primavera estará dedicado á figura de heroes e heroínas ben coñecidos polo público de todo o mundo.
"A figura do heroe ou heroína forma parte da historia do cinema de formas moi diversas", explica o programador do ciclo, Suso Novás, sobre unha iniciativa cultural que reflexiona sobre como esas figuras están presentes na historia do cinema e como esta arte retrata a persoas "que realizan unha acción abnegada en beneficio dunha causa nobre".
A primeira cita, este venres 18 de xaneiro ás 19.00 horas na Casa das Campás, será coa película Robin dos bosques, dirixida por Michael Curtiz.
O día 25 o ciclo centrarase nos personaxes urbanos, cunha idiosincrasia e unhas características psicolóxicas determinadas, do cinema de Michael Mann, a través dunha conferencia do profesor e crítico José Manuel López; e o 1 de febreiro poderá verse a película O longo adeus, de Robert Altman.
Á semana seguinte, o venres 8, será a quenda de O irmanciño, de Ted Wilde, J.A. Howe e Lewis Milestone; mentres que o resto das películas exhibidas en febreiro serán Kick-Ass, de Matthew Vaughn, e unha das referencias clásicas do heroe enmascarado, O sinal do zorro, de Robert Mamoulian; que se proxectarán os días 15 e 22.
O 1 de marzo, o ciclo continúa con Aliens: o regreso, de James Cameron, filme que protagoniza unha das grandes personaxes femininas do cinema de ciencia ficción; que terá continuación o día 8 con Duelo na alta serra, de Sam Peckinpah; o día 15 con O incrible home minguante, de Jack Arnold; o 22 de marzo con Stella Dallas, de King Vidor, e o día 29 con Golpe na pequena China, de John Carpenter.
Abril abrirá, o venres 5, con Os vikingos, de Richard Fleischer, un dos clásicos do cinema de aventuras; mentres que o día 12 poderá verse Fargo, de Joel e Ethan Coen. Tamén en abril, o ciclo complétase o mércores 17 cun relatorio de Novás sobre heroicidade no cinema clásico de Hollywood, e coa proxección, o día 26, de Mad Max: Furia na estrada, de George Miller.
Xa en maio, a Casa das Campás acollerá, o venres 3, a proxección de O tren, de John Frankenheimer, tras o cal pechará o ciclo o día 10 cun relatorio do profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego.