As fotos de José Chás "quitan o pano" a un patrimonio industrial que está "camuflado" en Galicia
Que a riqueza do patrimonio industrial galego "deixe de ser invisible". É o obxectivo da mostra fotográfica titulada Memoria industrial en Galicia, un traballo no que o fotógrafo pontevedrés José Chas leva traballando desde hai moitos anos.
A exposición, que foi inaugurada este xoves no Pazo da Cultura, recolle vinte imaxes de fábricas abandonadas, realizadas entre os anos 2012 e 2018, nas catro provincias galegas.
"Temos un patrimonio industrial moi extenso pero está camuflado", sinalou Chas na presentación deste proxecto expositivo co que busca "quitarlle o pano" a esta parte da historia colectiva de Galicia.
O autor explicou que el prefire falar de "ruínas industriais" desde un punto de vista estético á hora de catalogar estes elementos patrimoniais, que van desde vellas fábricas, serradoiros ou conserveiras ata salgadoiros, chemineas ou fornos de cal.
A través do seu blog, José Chas ten rexistrados uns 300 elementos que poden ser incluídos dentro do patrimonio industrial de Galicia. Todos eles están xeolocalizados e ademais das fotografías inclúese a historia das fábricas e a súa importancia nas respectivas comarcas.
No caso de Pontevedra, na mostra aparece a antiga planta de xabón de Pontevedra, en Mollavao, que empregaba as augas do balneario de San Xusto (Cotobade) no seus procesos de produción e que pechou no ano 1945
A exposición estará aberta ata o próximo 24 de febreiro.
Irá acompañada tamén dun coloquio no que o propio José Chas falará sobre a memoria industrial dende unha perspectiva multidisciplinar xunto o catedrático de Historia Xoán Carmona, a arquitecta Cristina García Fontán e Manuel Sendón Trillo, profesor de Fotografía da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Será o 17 de xaneiro na Casa da Luz, ás 19.30 horas.