Mississippi Gospel Choir trae o seu espectáculo Hallelujah! a Pontevedra
Por Redacción
A Sede Afundación de Pontevedra acollerá o espectáculo Hallelujah! a cargo do Mississippi Gospel Choir. Será este mércores día 9 a partir das 20.30 horas.
As grandes voces da música negra regresan por décima vez ao noso país cunha renovada proposta para facer vibrar de novo ao público coa súa mestura de vitalidade e espiritualidade aderezada cos ritmos do funk e do blues.
Hallelujah! propón un percorrido intenso desde as cancións espirituais do século XIX, de profundas raíces relixiosas, ata unha homenaxe ás cancións de protesta e marchas pola liberdade, onde non faltan temas tan coñecidos como Oh Happy Day!
Mississippi Gospel Choir está formado por 20 artistas que conseguen plasmar a historia do gospel nun percorrido único polas raíces desta música.