Cerdedo-Cotobade homenaxea a Antonio Fraguas na súa casa natal
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai poñer en marcha de inmediato o seu programa municipal das Letras Galegas 2019, adicadas ao escritor, historiador, etnógrafo e Fillo Predilecto destas terras Antonio Fraguas Fraguas, cunha homenaxe popular e aberta a toda a cidadanía na súa casa natal de Insuela, na parroquia cotobadesa de Loureiro. Este acto celebrarase este domingo, 13 de xaneiro, ás 13.00 horas.
O presidente municipal, Jorge Cubela explicou que "vai ser un acto sinxelo, pero simbólico e importante, e, sobre todo, queremos que se celebre de inmediato, nada máis arrancar o ano, para espremer ao máximo todas as posibilidades e a difusión que nos ofrecen as Letras Galegas para impulsar e poñer en valor a figura, a obra e a traxectoria de Antonio Fraguas, ao que consideramos un persoeiro clave e fundamental da cultura galega do século XX".
En concreto, este acto vai incluir o descubrimento dunha placa na fachada da súa casa natal na que se lembrará a súa figura e se conmemorará a concesión das Letras Galegas 2019; unha pequena actuación musical a cargo dun gaiteiro que pechará co himno galego; e diversas intervencións de representantes das institucións organizadoras desta efeméride cultural.
Así, agárdase a presenza de membros da Consellería de Cultura e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Fundación Antonio Fraguas, da Real Academia Galega (RAG), da editorial Galaxia e da filla do sobriño de Antonio Fraguas e actual propietaria da casa, Carolina Martínez.
Cubela indicou que ao longo do mes de xaneiro terá lugar algunha outra actividade máis e procederase á presentación do groso do programa municipal das Letras Galegas 2019. "Só podemos adiantar, porque aínda estamos perfilando detalles, que a nosa idea pasa por dar a coñecer a figura de Fraguas en todos os eidos con actividades moi pegadas á rúa e á xente", concluiu.
Relacionadas:
-
Amplo programa de actividades para resaltar a figura de Antón Fraguas, homenaxeado nas Letras Galegas 2019
Por Redacción |
-
A Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario do 17 de maio en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade inicia as homenaxes a Antón Fraguas polas Letras Galegas
Por Redacción |