Arturo Gulías, membro fundador de Los Microns, presenta disco en Luar
Por Redacción
Arturo Gulías membro fundador, xunto con Enrique Pazos, do mítico grupo musical pontevedrés Los Microns, presentará este venres día 4 no programa Luar da Televisión de Galicia, un cd que leva por título “Pontevedra no corazón”.
O disco é de carácter recompilatorio e está composto por unha ducia de cancións de diferentes xéneros que inclúen desde o rock and roll á música de carácter relixioso pasando pola música pop e a tradicional. Trátase dunha selección duns doce temas, escollidos de case un centenar de cancións compostas polo que foi baixista dos Microns. Como novidade importante inclúese unha canción que no seu momento non se puido incluír no disco editado polo grupo nos anos 60. Trátase de "Trouble" de Elvis Presley, da que Enrique Pazos fai un cover impecable.
O resto dos temas están interpretados por Miel e Ángel Barry. Arturo Gulías é, ademais, o compositor da Samba de Ravachol composta en honra do papagaio do boticario pontevedrés.
Los Microns, foron un referente da música en Pontevedra durante os aproximadamente 13 anos de carreira profesional do grupo. A súa fundación lévase a cabo no ano 1965 cando Enrique Pazos, que estaba na orquestra Florida, unha das mais importantes, e Arturo Gulias, baixista tamén da orquestra, deciden facer un novo grupo que ademáis de competir cos demais, fose o mellor e a ferramenta ideal para vivir da música.
Desde ese momento tanto Arturo como Enrique decidiran facer un novo grupo que estaría moi coidado, tanto na súa formulación como na súa promoción e traxectoria. Por esa razón empregaron un ano preparando a banda a conciencia. O nome xorde durante un encontro cuns amigos irlandeses que lles propoñen un nome que consideraban moi profesional e comercial, Los Microns. Aí empeza todo. Actuaron en toda España, Europa e algúns países de Africa.
Hai uns meses presentábase no museo de Pontevedra, coa inestimable colaboración do que foi o seu director durante moitos anos, Carlos Valle, e que ademais escribiu o prólogo, o libro, “Pontevedra a 45 r.p.m.” dedicado aos pioneiros do rock and roll en Pontevedra.
Este traballo é unha pequena historia dos grupos que se facían ver na cidade do Lérez entre os anos 1965 ao 1972. Pois ben, un deses míticos grupos daqueles anos foron Los Microns, dirixidos e liderados polo fundador da banda, Enrique Pazos, xunto con Arturo Gulías, baixista do grupo, e tamén fundador.
Con Arturo volven soar Los Microns, como, por certo, para outro dos grupos daquela época o ano 2019 será o ano dos Black Stones, que cumpren 50 anos desde a súa fundación e pensan celebralo ao grande. Non estaría mal que un dos seus concertos estrela fose tocando na Praza de España, durante as festas da Peregrina.
Tino Domínguez
“El Club de la Esquina”