Moncho Borrajo regresa a Pontevedra co seu espectáculo "Borrajo perdido"
Por Redacción
Xa é habitual que o cómico galego Moncho Borrajo inclúa a Pontevedra en cada unha das xiras dos seus espectáculos. Volverá ocorrer o vindeiro domingo 13 de xaneiro, ás 19.00 horas. O escenario, de novo, o auditorio de Afundación.
A el chegará cun espectáculo denominado Borrajo perdido, no que inclúe monólogos, historias, humor, tenrura e un pouco de malo leite… acenos de identidade do artista.
Despois de case cincuenta anos facendo rir ao público, Moncho Borrajo ofrece nesta ocasión un espectáculo á carta, onde os espectadores lle pedirán que fale do que eles queiran.
É, segundo os promotores, o show máis tolo e impredicible de Borrajo e o que, hoxe en día, viría sendo un espectáculo interactivo.
As entradas, que teñen un prezo de 16 euros, pódense adquirir en Ataquilla.com.