O Pazo da Cultura será parada da xira 'Royal Garage World Tour' do violinista Ara Malikian
Por Redacción
Ara Malikian regresa a Pontevedra. O violinista libanés, un dos máis coñecidos do panorama internacional, incluíu á Boa Vila na súa xira 'Royal Garage World Tour'.
Tras tocar o seu recital do ano 2015, Malikian volve a Pontevedra cun concerto que se celebrará nesta ocasión no Pazo da Cultura o sábado 23 de febreiro (21:00 horas).
Esta xira pretende facer un percorrido polos sons máis variados e polos estilos da súa carreira, ensinando os 'garaxes' da súa vida.
"A miña relación cos garaxes empezou en 1976, cando estalou a guerra do Líbano. No mundo enteiro as bandas máis modernas ensaiaban en garaxes, sacaban de aí os seus sons e creaban un estilo que mudaría a historia da música. Eu non me quería quedar sen formar parte desa movida", recoñece o artista en declaracións promocionais do espectáculo.
As entradas para o recital Ara Malikian están xa á venda, a partir dos 50 euros, na Casa da Luz de Pontevedra e en Ataquilla.com.