VÍDEO.- Trépia festexa a xiada polas rúas de Pontevedra cos tradicionais Cantares e Danzas de Reis
Por Mónica Patxot & Redacción
A asociación cultural Trépia celebra o seu décimo aniversario e con motivo desta efeméride este sábado as persoas que integran este colectivo percorrían o centro de Pontevedra coa intención de animar a bailar e a cantar a todos os que paseaban polas rúas.
Trátase dun acto que se enmarca na programación da Festa da Xiada, que organiza esta agrupación. A actividade desenvolvíase en dúas partes. En primeiro lugar, entre as 18.00 e as 20.00 horas, interpretaban os cantares e danzas de Reis en diversas prazas. Desta forma, desprazábanse pola Peregrina, San Xosé, Ferraría, Curros Enríquez e Ruínas de San Domingos.
A partir das 21.30 horas e ata pasada a medianoite, Trépia continuaba a celebración cunha 'Foliada da Xiada' na praza da Pedreira.
Este colectivo leva a cabo unha intensa actividade para fomentar a cultura. Conta con más de cen alumnos por curso coa idea de recuperar, investigar e divulgar o patrimonio inmaterial que naceu e se desenvolveu en Pontevedra, coa intención de darlle a difusión que merece.