As transgresoras Nathy Peluso e Wöyza abren o ciclo Contrariadas
Por Anxo Lourido
Dúas das artistas máis punteiras dentro do panorama musical nestes últimos anos, Nathy Peluso e Wöyza, serán as protagonistas do primeiro acto que se enmarca no ciclo Contrariadas, que pon en marcha o Concello de Pontevedra coa intención de homenaxear ao movemento feminista a través de actividades culturais.
A concelleira de Cultura Carmen Fouces presentaba este ciclo destacando que se busca que a través da música, o teatro, o debate e doutro tipo de actividades poida visibilizarse ás mulleres máis creativas, transgresoras e contraditorias.
Desta forma, este primeiro concerto será un acto en que as dúas cantantes amosarán o seu espíritu máis comprometido e rompedor. Nahty Peluso é unha artista interdisciplinar, que se move entre distintos estilos como o swing, a salsa ou o jazz destinado a un público moi novo. É capaz de ridiculizar, segundo Carmen Fouces, os estereotipos do reggaetón nas súas cancións e ofrecer unha perspectiva feminista. Este mesmo ano lanzaba o seu EP, 'La sandunguera' con referencias á música urbana.
Pola súa parte, Wöyza ofrece un directo que vai do hip hop ao sou cunha posta en escena moi potente. O seu primeiro disco saía á luz en 2008 co título 'Pisando el suelo que ves', que xa tivo continuidade en 2016 con 'Pelea', un traballo en que defende a autosuperación.
O concerto será o 12 de xaneiro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura e as entradas se atopan á venda con prezos que van desde os 12 aos 18 euros, con descontos para grupos a partir de cinco persoas, a través da venda por teléfono ou na Casa da Luz. Para quen queira facerse coas entradas xa pode adquirilas a través de Ataquilla.
O ciclo continuará con outras actividades ao longo do ano con ao redor de 4 espectáculos artísticos, ttanto con espectáculos teatrais como con concertos e obradoiros con temáticas relacionadas coa muller, avanzou a concelleira de Cultura.