Tes unha cita a cegas para ver unha peli
Por Oskar Viéitez
Chea de misterio estivo a rolda de prensa celebrada este xoves no concello na que se deu conta dunha cita a cegas. Os pontevedreses interesados terán que acudir a unha hora e un logar sinalado e logo deixarse guiar até un espazo público para asistir a proxección dun filme do que non saben o título.
A primeira cita o vindeiro sábado 22, ás 20.00 horas na árbore de Nadal da Ferrería.
A proposta chámase Cinema Clandestino, unha novidosa oferta lúdico-cinematográfica da Concellería de Festas que chega da man de Suso Novas, Chelo Costas, Ana Seoane, Gero Costas e o Cineclub de Pontevedra.
A través da web www.cinemaclandestino.es e das redes sociais daranse pistas sobre a película para que os interesados en participar no xogo proposto adiviñen o que van a ver. Para unha participación máis activa, a xente pode inscribirse (de balde) en participa.cinemaclandestino@gmail.com A través do correo recibirán a citación, hora e lugar.
A concelleira de Festas, Carme da Silva, acompañada polos promotores da proposta, adiantaron as seguintes citas do Cinema Clandestino: o sábado 29, ás 20.00 horas, nas canchas deportivas de Campolongo, e o venres, 4 de xaneiro, ás 20.00 horas no estanque das Palmeiras
Cinema Clandestino vai dirixido a un público de xente nova e adultos, non está pensado para público infantil.
Ademais de ser unha proposta lúdica e colectiva, Cinema Clandestino busca tamén a localización e activación de espazos públicos (a cuberto e o aire libre) como posibles escenarios culturais "Nace con vocación de continuidade", subliñou a concelleira.