Vivaldi para todos os públicos
Por Redacción
Antonio Vivaldi morreu en Viena no ano 1741 sen o recoñecemento merecido.
Foi, sobre todo, no século XX cando numerosos compositores reivindicaron a súa obra. Quen non coñece As catro estacións?, unha composición popular e absolutamente fundamental na historia da música pola influencia que tivo en Händel, Bach e Haydn. O compositor veneciano é un dos principais representantes do Barroco Musical Europeo e un dos máis prolíficos. A súa obra recolle abundantes traballos de música de cámara, vocal e de escena. Agora é o momento de poder coñecela máis polo miúdo e saber algo máis sobre "Il Prete Rosso", mote polo que era coñecido debido a cor do seu cabelo.
O profesor Manuel López-Benito busca achegar a música clásica ao gran público e para iso vai desenvolver un ciclo de audicións no Sexto Edificio do Museo. A través dunha viaxe sonora, os asistentes ás audicións musicais van achegarse ata a Serenísima República de Venecia para coñecer a organización da música naquela época e despois poderán trasladarse por distintos puntos de Europa onde foron estreadas as súas óperas con éxito. Durante as audicións van analizarse as liñas mestras das súas composicións.
O ciclo comezará o sábado 20 e continuará o 27 de outubro, o 3 e o 10 de novembro ás 11:30 da mañá. A entrada é de balde.