VÍDEO.- A ilustradora Ana Juan invítanos a viaxar por un espazo interactivo e máxico no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Desde este xoves 13 e ata o 24 de febreiro, a sala de exposicións do Pazo da Cultura converterase nun universo de misterio con personaxes fascinantes que conforman a imaxinativa paisaxe en que se move a ilustradora valenciana Ana Juan.
Esta artista galardoada en 2010 co Premio Nacional de Ilustración, que concede o Ministerio de Cultura, é colaboradora de El País e de revistas estadounidenses como Time ou The New Yorker, onde publicou máis dunha quincena de portadas.
Ana Juan, a través de Acción Cultural Española, mostra no Pazo da Cultura 'Debuxando ao alén', un traballo no que se combinan obras orixinais da creadora como bosquexos, pezas de diferentes tamaños nas que se mostran espazos cargados de simboloxía cunha estética que permite penetrarse en problemáticas sociais a través de claroscuros.
A primeira parte da exposición titulada 'Outra volta de torca' permite aos espectadores achegarse ata o libro ilustrado a través de diversos debuxos e da proxección en vídeo de imaxes icónicas.
O segundo tramo leva por título 'Snowhite' e móstrase como un bosque de animación con 35 ilustracións e 35 bosquexos. Neste espazo é onde máis gozan os afeccionados ao mundo virtual. A través do videoxogo Erthaland, creado pola Universidade Politécnica de Valencia, os asistentes poden cos seus móbiles e os seus tablets interactuar cos diferentes espazos. O obxectivo é completar o xogo co incentivo de que os gañadores obterán un premio.
Á inauguración deste xoves asistiron, ademais da propia autora, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Cultura Carmen Fouces, que se mostraron fascinados polo contido da exposición. Tamén outros autores como o ilustrador Kiko da Silva e os escritores Ledicia Costas e Manuel Lourenzo achegáronse para ver este mundo sorprendente no que se move Ana Juan.
Numerosos estudantes tamén se achegaron ata a sala de exposicións e non dubidaron en participar nos retos que propón a autora para axudar á pequena Snowhite a escapar da mansión da madrastra. Aquelas persoas que queiran comprobar como a arte combínase entre a realidade e o espazo virtual teñen unha cita ineludible no Pazo da Cultura.