A película 'Trote', ópera prima de Xacio Baño, estréase en cines este venres
Por Redacción
O director lucense Xacio Baño estreará este venres 14 de decembro a súa película Trote, patrocinada entre outras institucións pola Deputación de Pontevedra e rodada durante a Rapa das Bestas de Amil, en Moraña.
A película, na súa primeira fin de semana, poderá verse en doce salas comerciais de Galicia e noutras sete no resto de España, entre elas en Madrid, Barcelona, Málaga ou o País Vasco.
Producida por Frida Films, participou previamente nos festivais de Locarno (Suiza) e San Sebastián, converténdose así na primeira película en galego que ten participado no mesmo ano nas seccións a competición de dous festivais de cine clase A.
Trote narra a historia de Carme, que vive nunha aldea das montañas do interior de Galicia xunto ao seu pai Ramón, co que apenas se comunica, e a súa nai enferma. Traballa nunha panadería e o seu desexo é escapar algún día dese ambiente tan pechado e opresivo, pero as circunstancias sempre lle impediron dar o paso.
A acción transcorre durante a fin de semana en que se celebra a Rapa das Bestas, a loita ancestral do home e o cabalo, días no que a aldea comeza a prepararse para a festa.
A película, que conta cun guión do propio Xacio Baños e Diego Ameixeiras, está protagonizada por María Vázquez, Celso Bugallo, Diego Anido, Tamara Canosa, Melania Cruz e Fede Pérez.