Proxectos audiovisuais creados por graduados pontevedreses triunfan no Ourense Film Festival
Por Redacción
Un nutrido grupo de creadores formados na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra lograron un éxito notable na 23 edición do Ourense Film Festival.
Na gala de calusura se coñecía o nome dos gañadores da sección Fas Muvis en que se rodaba un traballo audiovisual en Ourense nun período limitado a 48 horas de rodaxe e dous días de montaxe. Os proxectos que acadaron o primeiro e segundo premio foron xerados por equipos formados por cineastas que estudiaron no campus universitaro.
Así, 'Vía láctea', un traballo dirixido por Alejandro Rodríguez e Ana Campos coa intervención de Clara Alonso e Ceci Gil, vencía nesta categoría cunha historia na que se realiza unha reflexión sobre a situación da muller na sociedade a través da vida dunha leiteira, protagonizada pola actriz Lidia Veiga e cun estilo "experimental".
Pola súa parte, 'O inferniño', unha obra realizada por Javier Sobrado e Ricardo Araújo, facíase co segundo galardón nesta categoría.
A tamén creadora formada na facultade pontevedresa Arancha Brandon conseguía o segundo premio na sección oficial de curtametraxes coa súa película 'Cando mamá pechou as caixas', na que se conta o final dunha etapa vital debido ao peche dun negocio familiar.