Éxito do concerto do quilo solidario de Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concerto do Quilo Solidario, celebrado na noite do sábado no local da discoteca de Ponte Caldelas coa organización dos Coribantes de Buchabade e o Concello, foi todo un éxito. Á recadación de varios centos de quilos de alimentos, que serán entregados a asociacións de axuda social, uniuse o éxito musical.
O evento, que contou coa asistencia de membros do goberno local, tivo aos Coribantes como "padriños", polo que interpretaron algunhas das pezas do seu repertorio, pero tivo tamén un dos seus alicientes no paso polo escenario de "amigos" como o gaiteiro do Carballiño, Isidro Vidal e músicos como Manoele de Felisa, compoñentes de A Roda, Andrés Vilán, Samuel Soto, Juan Viñas e As Maianas.
A festa, convertida nunha exaltación da música galega, continuou ata pasada a media noite.
O concerto incluíu tamén un recordatorio e homenaxe a Xosé Carlos Pereira, coñecido como Pereira, fundador da taberna enxebre "Eicho de dar Queridiña", na parroquia da Insua, que durante moitos anos foi un "templo" da cultura e, moi especialmente, da música galega.