O 'paraíso roubado' de Lourizán gaña proxección internacional e chega a dous festivais de Sudamérica
Por Redacción
O documental 'Paraíso Roubado', producido pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e dirixido por Lukas Santiago, está a ter proxección internacional ao ser seleccionado para a súa exhibición en dous festivais de Sudamérica.
Segundo informou a APDR, o debut internacional xa se produciu coa súa participación na sección oficial do Festival Internacional de Cine Calibélula de Colombia e o próximo mes de decembro participará na sección oficial do Paraná Internacional Films Festival de Arxentina. Será os días 5 e 12 de decembro.
Ademais de cruzar o charco, o documental tamén está a ter proxección no resto de España. Así, foi seleccionado para a sección oficial do Festival de Cine de Derechos Humanos de Madrid, que tendrá lugar entre os días 3 e 10 de decembro.
A peza audiovisual amosa a realidade da parroquia de Lourizán entre finais do século XIX e os anos 60 do século XX, un período no que pasou de ser o centro neurálxico do turismo de élite e da política galega e estatal arredor de Eugenio Montero Ríos a acoller a fábrica de celulosa de Ence.
Recolle a riqueza natural, paisaxística e económica desta parroquia pontevedresa antes de que no ano 1958 Ence empezara a asentarse na súa ubicación actual, a loita social e en feminino contra a súa instalación e o xeito no que chegou á decrepitude da zona a partir dese momento.
Desde a APDR queren recoñecer o traballo de Lukas Santiago, autor doutros documentais de recoñecido éxito como o chamado 'Outeiro da Chan da Isca: un novo petróglifo para Campo Lameiro', centrado no descubrimento de novos petróglifos na contorna do parque arqueolóxico, que ten participado na sección oficial de The Archaeology Channel International Film Festival, en Estados Unidos e que está a emitirse nunha televisión por cable nese país.
Relacionadas:
-
Preparan unha homenaxe ás mariscadoras que hai 60 anos loitaron contra a instalación de Celulosas
Por Diego Espiño |
-
RADIO.- "Lourizán era a elite do turismo, o equivalente galego a Santander e San Sebastián"
Por Marisa Ciordia |
-
O Sexto Edificio do Museo queda pequeno ante a estrea do documental "Paraíso roubado"
Por Redacción |
-
A APDR mostra nun documental o 'paraíso roubado' a Pontevedra coa chegada de ENCE
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |