A Facultade de Ciencias Sociais alardea de ex estudantes na Master Class Augal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O vindeiro luns 26 de novembro iniciarase a Master Class Audiovisual Galego, Augal, cun taller sobre cor a cargo de Fernando Alfonsín e Alfonso Merino, ex alumno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra. Merino é un dos estudantes deste centro que xa conta cunha traxectoria profesional e que forma parte deste masterclass que conta co apoio do Agadic.
Jacobo Sutil, director do Agadic, acompañado polos cordinadores Paulino Pérez e Miguel Anxo Fernández, presentaban este luns a edición para este curso do Augal. Ao longo de corenta horas, estudantes e profesionais do sector terán oportunidade de adquirir coñecementos sobre o mundo audiovisual. A matrícula é gratuíta e xa se atopa aberta.
Augal contará cun taller sobre dirección de fotografía a cargo de Suso Belo, con outro de son impartido por Miguel Barbosa, tamén ex alumno da facultade e outro de guión, que ofrecerá o guionista e director Raúl García Pérez.
Ademais proxectarase unha sesión de curtametraxes o mércores 12 de decembro cos títulos 'A meca dos cine', 'La mujer invisible' e 'Brotes', dous deles de antigos estudantes do campus pontevedrés. Tras ver as curtas desenvolverase un debate.
O 5 de febreiro proxectarase 'La sombra de la ley', coa presenza do seu director Dani de la Torre e a produtora de Vaca Films, Emma Lustres; mentres que o 12 de febreiro, a película 'A estación violenta', da graduada en Comunicación Audiovisual en Pontevedra, Anxos Fazáns, que asistirá co produtor Dani Froiz.
O 16 de abril desenvolverase a sesión de clausura coa conferencia de Elena Mera sobre como se comercializa un produto audiovisual.
Na presentación Jacobo Sutil destacaba a importancia dos novos creadores no mercado audiovisual e sinalou que nas anteriores edicións de Augal xa pasaron 80 profesionais do sector e 60 proxectos.