Abre o prazo para presentarse aos premios de xornalismo e poesía Johán Carballeira
Por Redacción
O Concello de Bueu acaba de convocar unha nova edición dos Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo, galardóns que naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, Juan Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira e que cada ano buscan fomentar a poesía escrita e o xornalismo en lingua galega.
O prazo de presentación dos traballos estará aberto desde este venres 16 de novembro ata o 31 de xaneiro de 2019.
Os premios están dotados con 1.500 euros en ambas categorías e, no caso do de poesía, tal e como vén sendo habitual, suporán a publicación do poemario gañador por parte da Editorial Xerais.
As persoas que desexen participar poderán facelo a través de dúas formas: ou mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como se establece nas bases publicadas no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na páxina web do Concello de Bueu.
Estes premios tiveron como gañadores na pasada edición a Daniel Asorey co poemario Transmatria e a reportaxe 'Corea do Norte: a vida dese outro lado' de Moncho Iglesias Míguez.
O certame Johán Carballeira celebra este ano a vixésimo segunda edición na categoría de poesía e a décimo sexta na de xornalismo. Ao longo deste tempo ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás ou a Antón Lopo, entre outros. Na categoría de poesía, recaeu en poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Marta Dacosta, Lucía Novas, Pura Tejelo ou María Reimóndez.
Relacionadas:
-
Aser Álvarez González, gañador do XVI Premio Johán Carballeira de xornalismo
Por Redacción |
-
Case oitenta traballos optan aos premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo
Por Redacción |
-
Moncho Iglesias e Daniel Asorey, gañadores dos premios Johán Carballeira
Por Redacción |
-
Récord de propostas para os premios Johán Carballeira de Bueu
Por Redacción |
-
Bueu entrega os premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo
Por Redacción |