Anaut presenta o disco "Hello there" na Sala Karma de Pontevedra
Por Redacción
A Sala Karma acollerá este venres 9 de novembro, a partir das 22.30 horas, unha das paradas da xira galega da banda Anaut, que presentará en directo os temas incluídos no seu terceiro disco de estudo, Hello there.
Hello there é un disco no que a banda liderada polo madrileño Alberto Anaut mostra un claro achegamento ao rock, mentres mantén algunhas señ as de identidade que os situaron como unha das bandas de referencia de soul e R& B do país.
Nesta nova etapa, contan cun son máis profundo, cálido e orgánico. Os metais ceden espazo ás guitarras e aos teclados. As composicións soan máis libres de estruturas clásicas, arriscándose co obxectivo de atopar o seu propio son.
A voz de Alberto manexa moitos matices diferentes e vese arroupada en cada rexistro por unha instrumentación moi coidada e variada.
Hello there foi producido polos propios Anaut e gravouse entre Estudo Uno, Casanova Keyboard Studio, CasAlberto e Funkameba, mentres finalizaba a súa anterior xira.
As entradas están á venda a un prezo de 10 euros en El Pequeno, Bullit Store e a plataforma WeGow. No despacho de billetes, o seu custo subirá ata os 13 euros.