Chega ao Principal 'O soño da tecedeira', a historia de 25.000 pesetas agochadas nun tear
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Este domingo 4 de novembro, ás 20.30 horas, o Teatro Principal acollerá un novo espectáculo músico-teatral da Asociación Cultural Gaiteiros 'Os de Algures' ata completar o espazo.
Baixo o título 'O soño da tecedeira', máis de medio cento de persoas participan nesta montaxe etnográfica na que a música, o baile, a poesía, a interpretación e o vestiario tradicional de Sete Espadelas van converterse en protagonistas dunha obra escrita por Miguel Anxo Mouriño, do Instituto de Estudos Miñoranos.
O argumento do espectáculo naceu dunha experiencia vivida polos integrantes de Sete Espadelas cando quería adquirir un tear. José Luis Rodríguez, representante da agrupación conta que, despois de moito buscar, mercaron un vello tear en Guitiriz, nun anticuario do concello lugués.
Cando comezaron a desenmarañar os lizos da ferramenta atoparon un sobre en estado de podredume cun lazo. Ao abrilo descubriron 25 mil pesetas en billetes verdes, inmaculados. A partir dese momento, afirma José Luis, decidiron que o achádego necesitaba ser contado e contactaron con Miguel Anxo Mouriño para crear a historia que o domingo será estreada no Principal.
A montaxe conta coa participación de 14 músicos de 'Os de Algures; bailaríns do 'Ballet folclórico galego' voces femininas dos grupos de pandereitas 'Solimán' e 'Celme' actrices da Aula Municipal de Teatro de Pontevedra con Pilar Boullosa no papel de tecedeira; figurantes do Grupo Tramoias de Algures, ademais de técnicos, encargados de audiovisuais e do atrezzo. Begoña Lorenzo e Ruperto Cabarcos forman parte do elenco interpretativo como colaboradores especiais.
Un dos principais atractivos deste espectáculo que conta con 17 pezas musicais atópasse na escenografía, na que figura o recuperado tear onde apareceron os cartos. Tamén se recrea un pazo, ademais dos arcos das Ruínas de San Domingos, segundo explicaban na presentación a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e os integrantes de Os de Algures, José Luis Rodríguez e Antonio Vázquez.
Dentro dos actos relacionados con este quinto espectáculo etnográfico da agrupación pontevedresa, este venres 2 de novembro ás 18.00 horas na Casa da Luz vai desenvolverse a conferencia 'Taibo e a Tecedeira', a cargo do autor do texto Miguel Anxo Mouriño, que explicará a importancia do poeta galeguista, discípulo literario de Ramón Cabanillas. De ambos os dous autores vai darse lectura a poemas sobre os teares no espectáculo do domingo.