A excelencia de Jane Birkin, ovacionada no Pazo da Cultura no concerto coa Filharmónica Cidade de Pontevedra
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Jane Birkin, cantante e actriz británica de 71 anos e todo un símbolo a finais dos anos 60 e durante os 70, subía ao escenario do auditorio do Pazo da Cultura este sábado 27 para ofrecer un concerto intenso e emotivo.
A intérprete londinense vestida cun traxe chaqueta escuro e camisa e zapatillas brancas amosou a súa voz suave e chea de matices, arropada polos máis de corenta músicos da excelente Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Xunto a eles, o pianista xaponés Nobuyuki Nakajima, que acompaña a Birkin na súa xira internacional.
A primeira ovación dos asistentes chegaba tras a interpretación de 'Baby Alone in Babylone', un tema creado por Serge Gainsbourg para o disco publicado por Jane Birkin en 1983, despois de que romperan a súa relación sentimental. Pasado o primeiro cuarto de hora, a cantante dirixíase ao público para dar, en castelán, as grazas a Pontevedra e ao Pazo da Cultura, ademais dos músicos que a acompañaban.
Ao longo da noite, Birkin amosouse sumamente atenta e cariñosa coa Filharmónica dirixida por Javier iceiro-Filgueira e o público puido gozar de pequenas pezas divertidas como 'L'aquoiboniste', tangos intensos como 'Ces Petits Riens', a belísima 'Physique et sans issue' ou a delicada 'Pull marine'. Desta forma, Birkin coa man esquerza habitualmente no peto da súa chaqueta, foi debullando as cancións que recolle no seu último traballo discográfico 'Birkin / Gainsbourg – Le Symphonique', despois dunha década sen editar un álbum.
Tal e como está acontecendo durante toda a súa xira, Jane Birkin non puxo voz a 'Je t'aime... moi non plus', a sensual canción que, acompañada por Gainsbourg, fixo que chegara ao gran público en 1969. Un fragmento deste tema era interpretado pola Filharmónica Cidade de Pontevedra e Nakajima dentro dun Medley de pezas do influente músico parisino na parte final do concerto, cando a cantante non se atopaba no escenario.
Ao seu retorno, tras cantar de forma intensa 'La Javanaise' remataba un concerto de máis de 95 minutos cun 'Bravo!' que saíu do público que continuou cunha ovación profunda dos asistentes postos en pé durante varios minutos.
O de Pontevedra foi o segundo concerto que Jane Birkin ofrece en España dentro da súa xira, despois de ter actuado no Primavera Sound en xuño. Nas btuacas do Pazo se atopaban caras coñecidas como o adestrador de fútbol de equipos como o Zaragoza, Celta de Vigo, Porto e Deportivo, Víctor Fernández; o alcalde de Poio, Luciano Sobral e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces.
Este concerto inclúese dentro da programación do ciclo Voices. O aforamento do auditorio non chegou a completarse.
Relacionadas:
-
Falece Jane Birkin, a cantante que ofreceu un concerto sublime en 2018 coa Filharmónica Cidade de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Diego Torrado |
-
O concerto da Orquestra Filharmónica, a mellor desculpa para erguerse da mesa en Aninovo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O novo álbum de Morcheeba, 'Blaze Away', eixo do concerto da banda británica no Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
O concerto de Jane Birkin en Pontevedra será unha homenaxe a Serge Gainsbourg
Por Alejandro Espiño |
-
Jorge Drexler e Jane Birkin actuarán no Pazo da Cultura dentro do ciclo Voices
Por Anxo Lourido |