O Local de Música adopta un enfoque máis profesional
Por Redacción
Ábrese unha nova etapa no Local de Música de Pontevedra. Os seus responsables entenden que a chegada de usuarios nacidos no século XXI, que veñen con novos intereses, obriga a facer cambios e adoptar unha vocación máis profesional.
O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou estes cambios xunto o equipo que xestiona o local, Diego Parajó, responsable da empresa Xeneme; Marcos Rodríguez, que leva o día a día do espazo, e Pablo Trobo, que se encarga da parte técnico-musical.
Ser un espazo de referencia entre os novos músicos, servir de nexo de unión entre os diferentes axentes musicais do Concello de Pontevedra e a contorna e que sexa un modelo de xestión e organización do traballo interno son os retos que enfrontará o reformulado proxecto.
Todo iso mantendo a súa aposta pola escena musical local, guiada pola idea de que a música é tamén unha oportunidade laboral.
Para acadar estes obxectivos profundará en aspectos como poñer aos músicos e grupos noveis nos escenarios da cidade, programas de formación para mellorar a capacidade das bandas, impulsar iniciativas artísticas lideradas por mulleres ou buscar sinerxías con outros proxectos dirixidos á xente moza como Noites Abertas, Pisando forte, Ponteverán ou a Xeración Sónica.
Entre as novidades, o Local de Música estreará unha nova páxina web más interactiva, abriranse as portas a colectivos e asociacións relacionadas coa música para converterse nun espazo de referencia sociocultural ou poñerase en marcha o proxecto MusicLab, creando unha comunidade que experimentará coa tecnoloxía e a musica.
Polo Local de Música pasan cada semana máis de 200 mozos e mozas con proxectos musicais. Dende a súa posta en funcionamento, no ano 2008, programáronse máis de 300 actuacións de bandas de musica en diferentes eventos e escenarios e rexistráronse preto de 500 proxectos musicais, todos eles impulsados pola mocidade de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A incubadora de bandas de Pontevedra inicia a súa segunda edición con seis grupos
Por Manu Otero |
-
Os obradoiros tecnolóxicos e o Escape Music Room, actividades de máis éxito do Ponteverán
Por Redacción |
-
Vinte años 'non é nada' para unhas Noites Abertas que regresan con ánimos renovados
Por Alejandro Espiño |
-
Se tes entre 13 e 16 anos e inquietudes musicais, es parte da Xeración Sónica
Por Oskar Viéitez |