A ilustradora Ana Juan, colaboradora de The New Yorker, será unha das grandes apostas culturais do 2019

Por Anxo Lourido

© The New Yorker

© http://luisasobral.com/pt/
Carmen Fouces, concelleira de Cultura, explicaba este venres no Café Moderno as liñas directrices do seu departamento para o vindeiro ano con algúns dos nomes representativos no universo cultural en diversos ámbitos que visitarán a cidade de Pontevedra.
Segundo avanzaba a responsable municipal, o Concello está a punto de pechar un convenio co Ministerio de Cultura para que a ilustradora valenciana Ana Juan, colaboradora de The New Yorker, realice unha exposición no Pazo da Cultura no primeiro trimestre de 2019.
A artista visitaría a cidade, segundo adiantou Fouces, con motivo desta mostra, que require un espazo con condicións adecuadas para que desde o Ministerio se aceptara o traslado destes traballadoras da autora que obtivo o Premio Nacional de Ilustración 2010.
A idea, desde o goberno local, é tamén ofrecer outras exposicións dun nivel importante para promover visitas de carácter cultural durante todo o próximo verán.
No apartado musical seguirán programándose concertos dentro do ciclo Voices, que o vindeiro sábado 27 traerá a Jane Birkin ao Pazo da Cultura, acompañada da Orquestra Filharmónica de Pontevedra.
A idea de unir a un artista internacional con propostas locais seguirá realizándose, tal e como sucedeu coa actuación de Jorge Drexler e a cantante Cora Sayers e para o próximo ano está xa pechada a actuación do grupo de rock madrileño Morgan. A actuación desta banda, será segundo Fouces, "como cando actuou Vetusta Morla aquí, cando agromaba". A idea é tentar tamén atraer a públicos máis novos en ciclos como o das Matinés, no Teatro Principal.
Outra das grandes citas musicais será a de Luísa Sobral, a autora portuguesa da canción 'Amar pelos dois', coa que o seu irmán Salvador gañou o Festival de Eurovisión. Co seu concerto en Pontevedra quérese visibilizar a figura dunha muller "empoderada" e creativa. Ademais tamén sinalou a actuación doutro gran artista internacional que, polo dagora, non pode ser desvelada publicamente.
No encontro cos xornalistas, no que a concelleira estivo acompañada pola xerente do Pazo da Cultura, Pilar Portela, ambas avanzaron tamén que o próximo 2 de novembro, o Concello de Pontevedra presentará o Salón do Libro Infantil e Xuvenil na famosa libraría Lello, na que os visitantes deben pagar unha entrada porque este espazo espectacular se converteu en mundialmente famoso ao servir de inspiración para escenas da saga de Harry Potter despois de que a autora J. K. Rowling residira durante varios anos no Porto.
Nela, varios representantes do Concello con Carmen Fouces á cabeza e a directora teatral Andrea Bayer, os integrantes de Polo Correo do Vento e o lobo Orbil actuarán como embaixadores do Salón do Libro que na próxima edición centrarase na cultura lusófona.
Por último e en relación coa lusofonía, a concelleira afirmou que se buscará un novo formato para a próxima edición de Cantos na Maré, coa posibilidade de cambiar de datas de celebración, entre outras opcións. Tamén sinalou que se van buscar referencias internacionais no ámbito teatral para fornecer a programación durante todo o ano, ademais de seguir potenciando os espectáculos de Galicia.
Relacionadas:
-
Voices trae a Pontevedra a Lila Downs, Luisa Sobral e un terceiro artista sorpresa
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Cara a cara con Ana Juan, ilustradora comprometida con este tempo
Por Marisa Ciordia |
-
VÍDEO.- A ilustradora Ana Juan invítanos a viaxar por un espazo interactivo e máxico no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Unha artista de Estonia ilustrará o cartel do XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por Redacción |
-
A revolución, eixo central da vindeira edición do Salón do Libro no seu vixésimo aniversario
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |