Rosa Neutro presenta na Casa das Campás a súa obra centrada na relación muller-artista-nai
Por Mónica Patxot & Redacción
Rosa Neutro é unha artista que se licenciou en Belas Artes no campus de Pontevedra na especialidade de escultura. Con todo, a súa carreira móvese principalmente en relación á fotografía e á fotomontaxe, modalidades creativas coas que realizou numerosas exposicións en diferentes puntos de Galicia, do resto do Estado e en Portugal.
Este luns ofrecía un taller aberto e un foro sobre fotografía na Casa das Campás da man do Ateneo de Pontevedra presentando os seus traballos centrados non só na imaxe senón tamén na escultura e o texto.
Rosa Neutro, presentada na sesión por Antón Sobral, caracterízase por analizar nas súas propostas creativas a indefinición da identidade e a problemática que se crea ao redor da figura muller-artista-nai. E así o expón na súa mostra 'Mujeres de piedra'.