Ponteatro estrea a súa nova tempada coa comedia "A Leituga"
Por Redacción
Como actuaremos no momento en que os nosos pais se aproximen á morte? Este é o punto de partida da obra A Leituga, da compañía Eme2, que marcará o inicio dunha nova tempada do ciclo teatral Ponteatro.
A obra, protagonizada por Antonio Durán Morris, Mercedes Castro, María Vázquez, Xosé Barato e Federico Pérez, representarase o xoves 4 de outubro, ás 21.00 horas, no Teatro Principal.
A Leituga, dirixida por Víctor Duplá, achéganos unha reflexión teatral ao respecto dos coidados e as relacións familiares a través de cinco personaxes que se han mover entre a esperanza e a aceptación, o sacrificio e a culpa, o afecto e o rancor.
Este texto orixinal do venezolano César Sierra, transita entre a comedia e o drama, o que levará espectadores a observar entre o sorrriso e a reflexión as consecuencias do reparto dos coidados nas fráxiles costuras dos afectos familiares entre pais e fillos, parellas e irmáns.
As entradas, que están á venda a través do portal Ticketea, teñen un prezo de oito euros. Tamén se pode adquirir, por 36 euros, o bono que dá acceso ás seis obras do ciclo.