O Museo ultima unha nova edición do seu propio festival de curtametraxes
Por Redacción
Xa está aberto o prazo para inscribirse no festival O Museo de Pontevedra en curtametraxes, no que pode participar o alumnado da provincia, tanto de centros de ensino públicos como privados.
Este programa, que xa vai pola segunda edición, está deseñado para que as persoas mozas poidan amosar a súa particular visión, a través de curtametraxes, do patrimonio cultural exposto no Sexto Edificio, no Edificio Sarmiento e nas Ruínas de San Domingos, así como da celebración do 90 aniversario do Museo de Pontevedra.
As curtametraxes poderán realizarse con cámaras, videocámaras, tablets ou teléfonos móbiles e deben estar dirixidas, protagonizadas e realizadas exclusivamente polo alumnado, e non poderán durar máis de 5 minutos con créditos incluídos.
A data límite para inscribirse é o 18 de xaneiro e para enviar as curtas o 12 de abril.
Unha vez admitidas no festival poderán ser visualizadas a través da páxina web do Museo, así como no Facebook e na canle de Youtube da institución a partires do día 20 de maio.
O festival rematará nunha entrega de premios ás curtas gañadoras que terá lugar o 31 de maio. Haberá 7.000 euros en premios para as diferentes categorías, desde alumnado de 5º e 6º de Primaria ata mozos e mozas de Bacharelato, graos medios e Formación Profesional.