Cantos na Maré suma seis bandas ao seu cartel, entre elas Eladio y los seres queridos
Por Alejandro Espiño
O festival Cantos na Maré vén de pechar o seu cartel para o seu renovado formato. Aos artistas anunciados a semana pasada, súmanse novas incorporacións -maiormente galegas-.
Trátase de Eladio y los Seres Queridos, Vudú, García MC & Nación Quilombo, acompañado polo pianista cubano Alejandro Vargas, Os Meninos e DJ Mil, que presentará o seu proxecto audiovisual Phonorama. Pola banda portuguesa, estará tamén Riot DJ.
Todos eles formarán parte dun programa de actividades que estarán repartidas en varios espazos da cidade, entre os días 11 e 14 de outubro, combinando concertos de pagamento e de balde con outras actividades musicais e culturais para todos os públicos.
Como xa se anunciara, Teresa Salgueiro, unha das grandes figuras da música portuguesa e exvocalista de Madredeus, o brasileiro Chico César, un dos "fundadores" do festival, a galega Mercedes Peón, que presentará en Pontevedra o seu quinto disco, ou a mozambiqueña Selma Uamusse, serán algúns dos artistas que se subirán ao escenario de Cantos na Maré.
Entre os artistas xa confirmados atópanse tamén a brasileira Bia Ferreira, as rapeiras portuguesas Capicúa e Eva RapDiva, que actuarán xunto á viguesa Wöyza; o rock e o kuduro de Throes & The Shine, unha banda portuguesa- angoleña; o proxecto Coladera, liderado polo brasileiro Marcos Suzano; ou o poeta e músico caboverdiano Mário Lúcio.
Ademais, tamén actuará a Cesaria Évora Orchestra, unha banda de Cabo Verde formada por músicos que acompañaron a esta gran artista nos últimos dez anos da súa carreira.
As entradas, que poden collerse en modo bono de 50 euros para asistir a todos os que hai no Pazo da Cultura, ou concerto a concerto (a 9 ou 18 euros), xa están á venda a través dos portais Ticketea e Eventbrite.
Relacionadas:
-
Teresa Salgueiro abre a edición máis ambiciosa de Cantos na Maré
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Cantos na Maré traslada todas as actuacións ao interior do Pazo da Cultura debido á previsión de chuvia
Por Redacción |
-
Cantos na Maré aposta por converterse nun mini encontro cultural das nacións
Por Redacción |
-
O primeiro coro galego, creado polo boticario Perfecto Feijoo, revive no Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Cantos na Maré ábrese a máis estilos e novos públicos cun renovado festival
Por Alejandro Espiño |
-
O festival Cantos na Maré trasládase á primavera
Por Redacción |