Festa literaria para celebrar "Unha Lingua de premio"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pazo Provincial converteuse este mércores no escenario da festa literaria 'Unha lingua de premio', organizada pola Deputación con motivo do Día Europeo das Linguas e para festexar os premios literarios que convocan os concellos da provincia.
A festa, que estivo conducida pola escritora Ledicia Costas, contou coa asistencia de gran parte do goberno provincial, de representantes da maioría dos concellos convocantes dos certames, de representantes da Asociación de escritores en lingua galega (AELG), de diferentes editoriais do país, de autores, críticos literarios, clubs de lectura, bloggers, librarías e mediadores de lectura.
O eixo central da gala xirou ao redor da dignificación da lingua galega e da reivindicación do papel dos certames literarios na consolidación do sistema literario galego, e nese contexto entregáronselle dous recoñecementos simbólicos a Manuel Bragado e ao Festival da Poesía do Condado polas súas traxectorias a prol da lingua e da literatura galegas.
Tamén tiveron voz unha representante dos xurados das convocatorias do pasado exercicio, a editora Malores Villanueva e un representante dunha das entidades convocantes dos certames, Francisco Freire da FANPA de Pontevedra.
A condutora do evento, Ledicia Costas, apelou "á responsabilidade das familias, dos pais e das nais, para transmitir a lingua ás xeracións máis novas porque eu no meu día a día estou comprobando que a rapazada vai perdendo cada vez máis competencias en galego".
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, reivindicou que a lingua e a cultura son "as mais importantes sinais de identidade dun país e que o noso talento e creatividade son hoxe recoñecidos no conxunto do estado, en Europa e alén do mar".
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, glosou a listaxe das convocatorias citando a Manuel Lueiro Rey que dá nome aos premios de xornalismo e poesía de Fornelos de Montes, e ao de novela curta de O Grove; a Manuel García Barros que dá nome ao de novela, a Manuel Reimóndez Portela que dá nome ao de xornalismo, e a Varela Buxán ao de teatro, os tres do concello de A Estrada, a Xohán Carballeira que dá nome aos de poesía e xornalismo de Bueu; a Olimpio Arca ao de investigación en humanidades e ciencias sociais de Cuntis; Xesús Ferro Couselo ao de investigación de Valga; e o Balbino de relato de Vila de Cruces que colle o nome do mítico personaxe de Xosé Neira Vilas na súa mítica obra 'Memorias dun neno labrego'.
Leal tamén se referiu aos premios que levan o nome de "mulleres singulares, pioneiras e loitadoras da nosa historia" como son o Matilde Bares de relatos de igualdade de Bueu, o Avelina Valladares de poesía da Estrada, e o Nélida Piñón de relato de Cerdedo-Cotobade. Tamén citou os "premios que conectan coa singularidade física e histórica dun concello" como o Viadutos de novela de Redondela ou o da Romaría Vikinga de teatro de Catoira, e por último, mencionou con especial agarimo o premio de relato curto da FANPA de Pontevedra que, segundo indicou, "conecta a todo o alumnado, profesorado e mesmo familias do alumnado nunha gran rede provincial de creadores e creadoras que vai medrando ano a ano".
A música de Xardín Desordenado achegou poemas musicados e o teatro estivo presente da man das actrices Iria Pinheiro e Ailén Kendelman que levaron ao Pazo Provincial as musas.
Relacionadas:
-
As librarías de Pontevedra volven saír á rúa no Día das Letras Galegas
Por Redacción |
-
A Deputación destina 120.000 euros a financiar actividades de dinamización da lingua galega
Por Redacción |
-
A gala 'Unha lingua de premio' porá en valor a todos os premios literarios da provincia
Por Natalia Puga |