Cantos na Maré ábrese a máis estilos e novos públicos cun renovado festival
Por Alejandro Espiño
Coa mesma filosofía cultural pero cun espírito completamente renovado. Así regresa Cantos a Maré a Pontevedra, tras ano e medio de descanso. A súa décimo cuarta edición, que se celebrará entre os días 11 e 14 de outubro, supón unha nova etapa para o festival que se abre a máis estilos, sons e culturas en busca de novos públicos.
O festival, que amplía a súa duración a catro días, expandirase por diferentes espazos da cidade, combinando concertos de pago e gratuítos con outras actividades musicais e culturais para todos os públicos, segundo desvelaron os seus organizadores na presentación.
Sen abandonar a idea de conectar Galicia con outras culturas lusófonas, Cantos na Maré reorientase, segundo a directora artística, Uxía Senlle, para "atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos".
Así, coa música como "gran nexo de conexión", o festival apostará por unha maior "diversidade" con música de raíz, sons urbanos ou voces corais e polifónicas, sen renunciar a outros contidos como a gastronomía, a narración oral ou a danza.
Teresa Salgueiro, unha das grandes figuras da música portuguesa e exvocalista de Madredeus, o brasileiro Chico César, un dos "fundadores" do festival, ou a galega Mercedes Peón, que presentará en Pontevedra o seu quinto disco, ou a mozambiqueña Selma Uamusse, serán algúns dos artistas que se subirán ao escenario de Cantos na Maré.
Entre os artistas xa confirmados atópanse tamén a brasileira Bia Ferreira, as rapeiras portuguesas Capicúa e Eva RapDiva, que actuarán xunto á viguesa Wöyza; o rock e o kuduro de Throes & The Shine, unha banda portuguesa- angoleña; o proxecto Coladera, liderado polo brasileiro Marcos Suzano; ou o poeta e músico caboverdiano Mário Lúcio.
Ademais, tamén actuará a Cesaria Évora Orchestra, unha banda de Cabo Verde formada por músicos que acompañaron a esta gran artista no últimos dez anos da súa carreira.
A clausura do festival, o domingo 14 de outubro, será cun espectáculo no que participarán varios destes artistas e cun proxecto moi especial chegado desde a localidade portuguesa de Évora. Trátase de Ath-Thurda, no que estarán Kepa Junkera ou os músicos lusos Antonio Bexiga, Beatriz Nunes, Carlos Menezes e Celina da Piedade.
En próximos días, Cantos na Maré confirmará o resto do seu cartel e do programa de actividades paralelas, que incluirán sesións de cinema, talleres para nenos ou iniciativas formativas para músicos e para o público en xeral.
Relacionadas:
-
RADIO.- A playlist de... Cantos na Maré por Uxía
Por Marisa Ciordia |
-
Cantos na Maré traslada todas as actuacións ao interior do Pazo da Cultura debido á previsión de chuvia
Por Redacción |
-
Cantos na Maré aposta por converterse nun mini encontro cultural das nacións
Por Redacción |
-
O primeiro coro galego, creado polo boticario Perfecto Feijoo, revive no Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Cantos na Maré suma seis bandas ao seu cartel, entre elas Eladio y los seres queridos
Por Alejandro Espiño |
-
O festival Cantos na Maré trasládase á primavera
Por Redacción |