A gala 'Unha lingua de premio' porá en valor a todos os premios literarios da provincia
Por Natalia Puga
Os 17 premios literarios que convocaron e fallaron durante o ano 2017 os concellos da provincia e a Federación Provincial de Anpa de centros públicos (Fanpa) serán os protagonistas da gala 'Unha lingua de premio' que organizará a Deputación de Pontevedra o vindeiro mércores 26 de setembro, coincidindo co Día Europeo das Linguas.
A festa celebrarase no Pazo Provincial ás 19.30 horas e nela terán un protagonismo compartido os 17 citados premios literarios e os gañadores dos mesmos durante o ano pasado.
Ademais, a gala buscará poñer en valor a relación entre a literatura, a música, o deseño e a arte e o sector audiovisual, de modo que durante a súa celebración haberá unha homenaxe a todos aqueles músicos que inclúen as obras dos poetas galegos nas súas cancións a través da banda ' Xardín Desordenado', a ilustradora Paula Pereira fará un deseño exclusivo en cerámica para a festa e proxectarase unha peza audiovisual a cargo das actrices Iria Pinheiro e Ailén Keidelman.
A gala estará dirixida pola escritora e integrante da xunta directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) Ledicia Costas, tamén incluirá dúas homenaxes, un á traxectoria a favor da lingua do Festival de Poesía do Condado e outro a Manuel Bragado.
O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e Ledicia Costas presentaron a actividade este mércores nunha rolda de prensa na Deputación na que Leal definiu o Festival de Poesía do Condado como "unha rara avis no noso país" e apostou por "seguir potenciando e recoñecendo" o seu labor a favor da lingua, a literatura e a identidade do pobo galego. De Manuel Bragado, destacou o seu coñecido labor no mundo da edición e a súa relación con moitos dos premios que se fallan na provincia e Ledicia Costas insistiu en que é unha persoa que "entregou a súa vida á literatura".
A gala será unha gran festa na que, segundo Ledicia Costas, poñerase en valor que "temos unha lingua de premio, o que pasa é que moitas veces esquecémolo" e que "temos moito que celebrar e moito que festexar" e eventos como este permiten destacar a lingua e a cultura galega, pero tamén aos creadores do país, pois "estamos á cabeceira en talento na literatura, na música e en todas as disciplinas, e ás veces ou que nos falta é crelo un pouquiño".
Para homenaxear os premios literarios, xornalísticos e de investigación como se merecen, Leal destacou que se poñerá unha moqueta no Pazo Provincial para recibir aos asistentes "polo simbolismo que as alfombras vermellas tiveron sempre nas grandes galas". En estra ocasión, será azul, non vermella e imprimiranse nela os nomes das obras e autores gañadores en todos os premios.
Xosé Leal explicou que aínda non é posible homenaxear aos premiados de 2018 porque non todos os premios teñen fallo a estas alturas do ano. En todo caso, el móstrase partidario de que esta festa 'Unha lingua de premio' teña vocación de continuidade. Non pode garantilo nin se atreve a facelo porque o próximo ano haberá eleccións municipais que poden supoñer un cambio no goberno da Deputación.
Premio de Poesía Johan Carballeira. Concello de Bueu
Gañadora: María Reimóndez. Obra: 'Galicia en bus'
Premio de Xornalismo Johán Carballeira. Concello de Bueu
Gañadoras Ex aqueo
Montse Dopico pola reportaxe 'Galaxia vs Galaxia. A construción de hexemonía cultural'.
María Obelleiro Hermida por 'O apartheid sanitario na Galiza'.
Premio Matilde Bares de relatos de igualdade. Concello de Bueu
Deserto na convocatoria 2017
Premio de Teatro Romaría ViKinga. Concello de Catoira
Gañadora: Carla Villanustre. Obra: Eternidade
Premio de Relato Breve Nélida Piñón. Concello Cerdedo-Cotobade
Gañador: Daniel Asorey. Obra: Anatema (fallado en 2018)
Premio de investigación en Humanidades e Ciencias sociais 'Olimpio Arca' Concello de Cuntis
Gañador. Xosé Fuentes Alende. Obra: Os exvotos na relixiosidade popular galega.
Premio de novela Manuel García Barros. Concello de A Estrada
Gañador: Marcos Calveiro. Obra: 'O xardineiro dos ingleses'.
Premio de poesía Avelina Valladares. Concello de A Estrada
Gañadora: Carmen Caramés. Obra: 'As idades perdidas'.
Premio de Teatro MOME Varela Buxán. Concello de A Estrada
Gañadora: Fernando Castro Paredes. Obra: 'Pallaso'
Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela. A Estrada
Gañador: Armando Requeixo, polos artigos: 'Rosalía voa alto', 'Palabras para o Alén', 'Lingua Zombi', 'Cando iso non pode pasar aquí' e 'De rosas e letras'.
Premio de poesía Manuel Lueiro Rey. Concello de Fornelos de Montes
Gañador: Antón Lopo. Obra: 'Corpo'
Premio xornalístico Manuel Lueiro Rey. Concello de Fornelos de Montes
Gañador: Xoán Carlos Domínguez Alberte, polo artigo 'O segredo mellor gardado'.
Certame de Relato Curto FANPA de Pontevedra
Categoría Primaria: Nuria Costas Misa. 'Un gran cambio'.
Categoría Secundaria: Olalla Castrillo Sánchez. 'Xiros de luz'.
Categoría BAC: Paula Estévez Casales. 'Báratro'.
Categoría adultos: Sergio Meis Casalderrey. 'Verbas esquecidas'.
Certame 'Balbino' de relato curto. Concello de Vila de Cruces
Gañador: Ricardo Cid. Obra: 'De que falarán as árbores'.
Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. Concello de Valga
Gañador: Rafael Quintía. Obra: 'Ritualista protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega'.
Gañadora: Natalia Sueiro Monje. Obra: 'A veiga máxica. Rescate da cosmovisión popular no municipio de Valga'.
Premio Viadutos de Novela. Concello de Redondela
Gañadora: Ana R. Figueiredo. Obra: 'Os bicos Feridos' (fallado en 2018)
Premio Lueiro Rey de Novela Curta. Concello de O Grove
Gañador: Lionel Rexes. Obra: 'A raíña das velutinas'.