O concerto de Jane Birkin en Pontevedra será unha homenaxe a Serge Gainsbourg

Por Alejandro Espiño
Tras o verán, o ciclo Voices retoma a súa actividade. Farao o próximo 27 de outubro co concerto que a británica Jane Birkin ofrecerá no pazo da Cultura de Pontevedra. Será, ademais do festival Primavera Sound de Barcelona, a súa única data en España.
O concerto será toda unha homenaxe a Serge Gainsbourg, un dos compositores máis celebrados de Francia, en mans da delicada e melodiosa voz de quen foi a súa parella.
Birkin contou coa colaboración do compositor e pianista xaponés Nobuyuki Nakajima e, sobre as táboas de Pontevedra, a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, que estará dirixida por Javier Viceiro-Filgueira.
Tras case unha década de silencio (discograficamente falando) e aos seus espléndidos 71 anos, Jane Birkin volve cantar a Serge Gainsbourg no seu novo álbum, Birkin / Gainsbourg - Le Symphonique, editado a pasada primavera.
Coa elegancia e a clase dunha figura chave na evolución da música e da moda nas últimas décadas, Birkin reinterpreta o repertorio que no seu día lle legou o pai da súa filla Charlotte.
As entradas para o concerto están xa dispoñibles a través de Ticketea e Ataquilla.
Nesta tempada, Voices xa programou a Jorge Drexler a principios de ano e, ademais de Jane Birkin en outubro, o grupo británico Morcheeba actuará no mes de novembro.
Relacionadas:
-
Jane Birkin, a excelencia eterna, ovacionada no Pazo da Cultura
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Morcheeba pechará o ciclo Voices en Pontevedra o 23 de novembro
Por Alejandro Espiño |
-
Os "salvavidas de hielo" de Jorge Drexler "flotan" con elegancia por Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Jorge Drexler comparte café e vermú co público de Pontevedra antes do seu concerto
Por Redacción & Beatriz Ciscar |
-
Jorge Drexler e Jane Birkin actuarán no Pazo da Cultura dentro do ciclo Voices
Por Anxo Lourido |