Así vai ser o Festival do Leite na Illa das Esculturas
Por Redacción
O Festival do Leite, organizado por Deleite, leva este sábado a Pontevedra un cartel de concertos co mellor da música galega do momento. Ses, De Vacas, The Limboos e Triángulo de Amor Bizarro encabezan un evento que encherá de música durante todo o día a Illa das Esculturas.
O festival, que ten entrada libre, comezará ó mediodía e continuará ata pasada a medianoite. Con este horario, o obxectivo do Festival do Leite é facilitar a asistencia de tódolos públicos, incluidas familias con nenos pequenos, que poderán disfrutar de dous espectáculos infantís, a cargo de María Fumaça e a Gramola Gominola, así coma cun obradoiro de debuxo de Luis Davila, "O Bichero", que estará na Illa das Esculturas a partir das 12 do mediodía.
Para as persoas que queiran pasar todo o día no festival, haberá postos de comida e bebida.
Horarios dos concertos
- María Fumaça: 12.30 horas. (Espectáculo infantil)
- Cora V: 13.30 horas.
- De Vacas: 14.15 horas.
- Gold&Colt: 15.15 horas.
- Soul Jacket: 16 horas.
- Gramola Gominola: 17 horas. (Espectáculo infantil)
- Bifannah: 18 horas.
- Sés: 19 horas.
- La Casa de los Ingleses: 20.30 horas.
- The Limboos: 21.15 horas.
- Disco Las Palmeras: 22.15 horas.
- Triángulo de Amor Bizarro: 23 horas.
Con este festival, Deleite, a marca propiedade dun grupo de gandeiros galegos, quere poñer en valor a importancia estratéxica do sector lácteo de Galicia. Na nosa comunidade víñanse celebrando máis de 400 festas gastronómicas e preto de 300 feiras sectoriais, pero non había ningún evento adicado ó produto agrario que máis aportou historicamente á economía de Galicia, como é o leite.
O Festival do Leite está organizado e promovido por Deleite, unha marca que volveu ó mercado no 2016 impulsada por Leite Noso, unha sociedade constituida por gandeiros que se xuntaron para asumir de xeito directo o reto de comercializar o seu leite, sen intermediación dunha industria. Foi a primeira vez en Galicia en que un grupo de gandeiros se organizou para vender directamente a súa produción.
Os obxectivos de Deleite co Festival do Leite son dar a coñecer e poñer en valor a gandería galega, reivindicar o sector leiteiro como estratéxico e de vital importancia para a economía do rural galego, celebrar que temos un leite de calidade, producido por gandeiros moi profesionais e con talento e manifestar o compromiso de Deleite coa cultura galega, en todos os seus ámbitos.
Relacionadas:
-
Música e diversión danse a man na Illa das Esculturas cun exitoso Festival do Leite
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
De Vacas, Sés, The Limboos e Triángulo de Amor Bizarro, no cartel Festival do Leite
Por Oskar Viéitez |
-
Artistas "referentes" en Galicia protagonizarán en setembro un festival musical en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |