A pegada de Alejandro de la Sota, eixo dun roteiro de arquitectura en Pontevedra
Por Redacción
Achegar os principais fitos arquitectónicos ao conxunto da poboación a través de roteiros guiados por cidades e concellos da provincia. É o obxectivo do programa que pon en marcha a Deputación de Pontevedra. Serán, en total, cinco percorridos ao redor da arquitectura da modernidade por diferentes puntos da provincia.
A cidade de Pontevedra será un deles. O roteiro, que analizará principalmente a pegada que deixou o arquitecto Alejandro de la Sota na Boa Vila, terá lugar o 10 de novembro.
Este itinerario, que partirá da Praza da Ferrería, concíbese como un paseo polas inquedanzas culturais da primeira metade do século XX, e máis concretamente pola filosofía e pola esencialidade de La Sota.
Está prevista a visita á intervención deste arquitecto na Misión Biolóxica, no Pavillón Municipal, nun edificio de vivendas na rúa Gondomar e na Casa Domínguez na Caeira. Tamén se visitará a parroquia de Salcedo, patria de canteiros, e o cemiterio de San Martiño de Salcedo, coa tumba dos La Sota Martínez.
Outros elementos que destacan neste percorrido son a Fábrica da Cross, da enxeñería Proquiber, na rúa da Gándara, e o bloque de vivendas para militares no Polígono de Campolongo.
O roteiro estará guiado por Felipe Senén López, membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, e a participación é gratuíta previa inscrición no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal. Para cada roteiro ofértanse 50 prazas e os percorridos faranse na súa maior parte en autobús e terán carácter circular.
Os outros catro paseos serán polas terras do Deza, concretamente os concellos de Lalín e de Vila de Cruces (22 de setembro), centrado na arquitectura de Mansilla e Tuñón e nas incorporacións escultóricas de Asorey; no Porriño e Mondariz-Balneario (13 de outubro) e Baiona (20 de outubro), visitando os edificios construídos polo arquitecto Antonio Palacios; e Vigo (27 de outubro), facendo una antoloxía arquitectónica do século XX.
Relacionadas:
-
Salvada do pico a antiga fábrica Clesa, obra do pontevedrés Alejandro de la Sota
Por María José Pita |
-
RADIO.-"Hai que achegar aos nenos aos museos e deixarlles desenvolver a súa creatividade"
Por Marisa Ciordia |
-
Propoñen aumentar a protección patrimonial a edificios modernistas e industriais
Por Alejandro Espiño |
-
Susana Sánchez Aríns guiará un roteiro literario sobre a represión franquista en Ribadumia, Meis e Barro
Por Redacción |
-
A Praza de Massó acolle a exposición dos arquitectos galegos sobre Alejandro de la Sota
Por Redacción |
-
Máis de 11.000 persoas achegáronse á figura de Alejandro de la Sota no Museo
Por Redacción |
-
O Teatro Principal réndese á figura de Alejandro de la Sota, un dos arquitectos "máis notables do século XX"
Por Redacción |