O Grove e Poio acollerán unha mostra sobre a evolución da cultura galega na diáspora durante a ditadura
Por Oskar Viéitez
O Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este martes a presentación de "GalizAmerica", unha mostra itinerante comisariada por Carmen Carreiro e por Ramón Nicolás sobre a evolución da lingua e a cultura galega na diáspora nos anos da ditadura.
O percorrido da mostra comezará na Sala das Cunchas do Concello do Grove, entre o 13 e o 27 de setembro e finalizará en Poio, onde estará no Casal de Ferreirós do 5 ao 23 de decembro.
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, quixo presentar este proxecto como "unha homenaxe a todas esas persoas que loitaron polo mantemento da cultura galega" facendo especial mención a América "que naquel momento foi o facho na que prendeu a nosa lingua".
A mostra, composta por 13 paneis, vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Buenos Aires e Montevideo.
Segundo explicou a comisaria Carmen Carreiro, está estruturada en tres grandes apartados. "O primeiro relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión", o segundo apartado corresponde ao que denominou "a xenerosidade de América" e céntrase no nacemento dos centros galegos e a súa función, e a terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora "que serían impensables aquí".
Como actividades complementarias, en cada concello terá lugar unha conferencia a cargo dunha persoa que investigase sobre o exilio e a diáspora, e en todos proxectarase "A cicatriz branca" dirixida por Margarita Ledo, quen explicaba durante a presentación que "é unha película de xénero, feminista pero que se grava integramente e por primeira vez na diáspora e en lingua galega".
A cineasta tamén será a encargada da conferencia que complementará a mostra ao seu paso por Poio. No Grove a conferencia correrá a cargo de Rosario Portela: "Ao redor do libro. Para unha historia da edición galega".