Avelaíña Teatro impulsa en Mourente unha nova edición do seu ciclo de teatro afeccionado
Por Redacción
O grupo Avelaíña Teatro está a desenvolver en setembro unha nova edición do Circuíto Galego de Teatro Amador 2018. Está formado por catro obras que se representan na Cultural de Mourente. É unha iniciativa escénica na que colabora a Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA).
A próxima sesión será o domingo 16 de setembro, ás 20.30 horas. A compañía viguesa O Trasno representará a obra En venda, na que as súas protagonistas mostran como nunca é tarde para cumprir os soños e as ilusións, facendo unha denuncia social en clave de humor.
O sábado 22 de setembro será a quenda de Os carniceiros, obra da compañía Teatrino de Ourense. É unha traxicomedia ambientada nun campamento militar encabezado por un equipo médico que navega entre o horror e a tolemia e que perdeu a cordura hai tempo. A chegada ao campamento dun derradeiro soldado enfróntaos coa realidade.
Do Barco de Valdeorras chegará o 29 de setembro o grupo Gargallada Teatro, que porá en escena a obra Fuga, unha comedia creada por Jordi Galcerán. Conta a historia de Antón Pita, conselleiro de Industria e Enerxía, que acaba de dimitir por un escándalo de corrupción polo que a súa muller decidiu deixalo
Cando está no seu chalé a piques de suicidarse chama á porta Lorena, unha vendedora ambulante desesperada que cambiará a súa vida.
O ciclo comezou este pasado sábado 8 de setembro con Terapia de bar, representada polo Aturuxo de Melpómene de Narón.
Está ambientada nun bar no que a súa propietaria e os seus dous únicos clientes habituais, movidos polo aburrimento e tamén polo seu desequilibrio psíquico, deciden converterse en salvadores da humanidade e elaboran un plan para eliminar do mundo os vicios que segundo eles son os culpables de todos os males do ser humano: o xogo, os avances tecnolóxicos e a ambición desmesurada polo diñeiro.